Monday 29 de April de 2024

O Centro de Interpretación do Pico Sacro xa conta cun monólito na honra de Antía Cal


O alcalde de Boqueixón presidiu a emotiva homenaxe realizada pola Asociación Mestre Manuel Gacio á salientable pedagoga

O Centro de Interpretación loce un monólito na honra de Antía Cal Vázquez, tras a emotiva homenaxe realizada pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu este acto, no que estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da agrupación cultural, Xosé M. Lobato. Preto dun cento de persoas, entre familiares da homenaxeada, amigos e unha ampla representación dos eidos da cultura e da educación, participaron nesta cita.

A homenaxe comezou co descubrimento do monólito no exterior do Centro de Interpretación do Pico Sacro, sé da Asociación Mestre Manuel Gacio. Arroupada por preto dun cento de persoas Antía Cal Vázquez foi oficialmente nomeada Socia de Honra da agrupación cultural, ocupando un lugar salientable xunto co finado escritor Xosé Neira Vilas. No monólito pódese ver a seguinte lenda: “Antía Cal Vázquez, pedagoga galega universal”.

Precisamente o seu labor innovador no eido da pedagoxía centrou grande parte das intervencións realizadas polas autoridades. Así, Manuel Fernández agradeceu a Antía Cal Vázquez “todo o seu traballo en prol da educación igualitaria, da igualdade entre mulleres e homes, e da nosa lingua, o galego”. Neste senso, salientou que a pedagoga “conseguiu rachar coa orde establecida fundando unha escola laica, con aulas mixtas e, ademais, bilingüe (castelán e inglés), sendo o galego a lingua usada no tempo de lecer”.

O rexedor boqueixonés tivo tamén verbas de agradecemento á Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, “polo gran traballo que están a desenvolver dende Lestedo” a prol da cultura. Así, lembrou os numerosos recoñecementos recibidos polos seus distintos grupos de baile e de música tradicional, “algo que nos enche de ledicia e orgullo”. Concluíu a súa intervención animando ao presidente da agrupación, Xosé M. Lobato a continuar nesta senda de poñer en valor o amplo patrimonio cultural e musical galego.

Pola súa banda, tanto Ovidio Rodeiro como Valentín García coincidiron á hora de gabar o importantísimo labor desenvolvido por Antía Cal ao longo da súa vida. Un traballo que dende a Asociación Mestre Manuel Gacio quixo recoñecer con esta sentida homenaxe.

O acto continuou no interior do Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde os asistentes conformaron o que se chamou remuíño agarimoso para ofrecer, en forma de música e bailes, a súa particular homenaxe á Antía Cal. Visiblemente emocionada, a pedagoga compartiu con todos os presentes as vivencias e as dificultades que tivo que superar durante os seus 95 anos de vida.

Dende a Asociación Mestre Manuel Gacio amosáronse moi satisfeitos por contar coa presenza desta salientable profesional e por compartir con ela unha xornada de lembranzas. O monólito tanto de Antía Cal Vázquez coma de Xosé Neira Vilas presiden agora a sé desta agrupación cultural, que conta con máis de 300 socios.